Un deles é un monopraza de Fórmula 3 desenvolvido integramente no centro e o outro o Ginetta G55 que poñen a punto cada ano neste CIFP. O centro formativo acolleu hoxe a presentación dos dous automóbiles, coa presenza do propio piloto; a xefa territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Sagrario Sánchez; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, e o director das Mercedes, Joaquín Expósito, entre outras persoas.
O vehículo de Fórmula 3, un modelo Dallara F3, foi creado por alumnos e profesores do ciclo superior dual de Automoción especializado en vehículos de competición, unha titulación que se estrea este curso en Galicia.
Agora Alonso Liste porao a proba nas subidas a Taboada – esta fin de semana – e A Pontenova, no marco do rallye galego; así como na subida a Chantada, que forma parte do campionato de España de montaña. O propio alumnado das Mercedes ocúpase ademais de prestar a asistencia técnica durante as competicións.
No caso do Ginetta G55, a evolución que experimentou nesta ocasión foi unha redución de peso e a incorporación dunha nova liña de escape e un diferencial traseiro. O lucense competirá con este automóbil no Campionato Europeo FIA de carreiras de montaña, que o ano pasado concluíu terceiro na súa categoría. As carreiras comezan a finais de abril.
Simulador de Fórmula 1
O CIFP As Mercedes tamén presentou hoxe un simulador para coches de competición de Fórmula 1 desenvolvido este curso. Alumnos e docentes do mesmo ciclo especializado traballaron no proxecto, para o que adaptaron unha estrutura de automóbil de competición no que se pode emular unha carreira.
O obxectivo da iniciativa é avaliar o comportamento integral de vehículos de competición en diferentes configuracións; mellorar o seu rendemento en condicións reais de carreira e promover a innovación no ámbito da preparación de automóbiles de competición en Galicia. O centro presentou o proxecto aos premios FP Innova deste ano convocados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Os proxectos presentados exporanse esta semana – do 24 ao 26 de abril – na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela no transcurso do Congreso FP Innova Galicia 2024.