Permanece activo, tras a súa reactivación, o lume do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, e segue estabilizado o outro incendio deste municipio, rexistrado na parroquia de Barxa
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe xoves.
Activo A Gudiña-Pentes
O incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que se iniciaba o luns ás 13.18 h. e estaba en situación de controlado dende as 10.40 h. de onte mércores, reactivouse na tarde de onte xoves. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 280 hectáreas. Para a extinción deste lume mobilizáronse ata o de agora 23 axentes, 44 brigadas, 25 motobombas, 6 pas, 3 técnicos, 10 helicópteros e 10 avións. Tamén participaron medios portugueses, por estar o lume ao lado da fronteira.
Estabilizado A Gudiña-Barxa
Continúa estabilizado, desde as 13.00 h. de onte mércores, o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, que se iniciou ás 00.17 do martes e que afecta unha superficie provisional de arredor de 90 hectáreas. Neste lume mobilizáronse polo de agora 17 axentes, 28 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 8 helicópteros e 8 avións. Ademais, nos labores de extinción colaboraron tamén medios terrestres procedentes de Portugal, ao estar o incendio preto da fronteira.
Estabilizado Palas de Rei-Cuíña
Desde as 08.27 horas desta mañá está estabilizado un lume que se iniciou no concello lucense de Palas de Rei e que afecta tamén territorio do veciño municipio coruñés de Toques. O lume iniciouse ás 23.32 horas de onte mércores, afecta arredor de 40 hectáreas e para o seu control mobilizáronse 11 axentes, 14 brigadas, 16 motobombas e 1 pa.
Controlado Chandrexa de Queixa-Requeixo
Está controlado dende as 21.14 h. de onte mércores o lume do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que se iniciou o martes ás 20.07 h. e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de entorno a 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 9 axentes, 21 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 1 técnico, 2 avións e 4 helicópteros.
Extinguido Cerdedo-Cotobade-Aguasantas
Desde as 08.38 h. de hoxe xoves está extinguido o incendio do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas, que se iniciou ás 17.19 h. do martes. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 13,88 hectáreas, das que 11,11 corresponden a monte raso e as restantes 2,77 a arborado. Para a súa extinción mobilizáronse 15 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 5 helicópteros e 6 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.