Hoxe, 22 de xaneiro de 2025, pasará á historia como un día de infamia. O Partido Popular, coa complicidade de Vox e os malabarismos políticos de Junts, decidiu votar NON á revalorización das pensións. Un “non” que non só é un golpe á economía de millóns de pensionistas, senón un acto de desprezo absoluto á dignidade dunha xeración que fixo posible o país que hoxe pisamos.
Non teñen escusa. Non hai “conxuntura económica”, “déficit fiscal” ou “estratexia política” que xustifique esta decisión. Porque aquí non estamos falando de números, senón de persoas. De millóns de anciáns que xa están sobrevivindo cunha pensión miserenta. Que non teñen marxe para luxos, porque o único que piden é pagar a calefacción no inverno ou mercar unha barra de pan sen ter que mirar o prezo. E aínda así, hoxe o PP decidiu ignorar as súas necesidades.
O insulto é dobre, porque non se trata dun erro ou dunha mala decisión improvisada. Non. Isto é unha estratexia fría e calculada, deseñada para bloquear, paralizar e desgastar ao Goberno, aínda que no camiño arrasen cos máis vulnerables. É o prezo da súa ambición. Un prezo que pagan os nosos maiores, mentres Feijóo e os seus socios xogan a políticos dende os seus despachos con calefacción central.
E onde están agora as súas promesas? Onde quedaron os discursos sobre “defender ás familias” ou “garantir o benestar dos maiores”? Non queda nada diso. Só queda un voto NO, un NON con maiúsculas, que soa a desprezo e a traizón. Porque iso é o que fixeron hoxe: traizoar aos que levantaron este país.
Pero non se preocupen, que o cinismo non ten límites. Mañá, nos seus mítines, falarán de “patria”, de “valores”, de “futuro”. Sacarán a foto do avó, o mesmo que hoxe condenaron a escoller entre comer ou pagar os medicamentos. Porque iso é o que son: oportunistas sen alma, políticos de cartón pedra que usan a xente como ferramenta electoral.
E os seus socios, Vox e Junts, non quedan atrás. Uns, mentres predican o patriotismo máis rancio, venden á súa xente polo rédito político. Os outros, xogando ás bisagras e aproveitando a miseria allea para alimentar o seu particular conto de separacións. A suma perfecta do peor que pode dar a política.
Non se confundan, isto non é un erro técnico, nin unha simple decisión administrativa. Isto é unha vergoña nacional. É un crime moral. E por iso, merecen ser lembrados por iso. Porque cando tes a oportunidade de mellorar a vida da xente máis vulnerable e decides pisala, non mereces outra cousa que o rexeitamento e a condena.
Hoxe, millóns de pensionistas foron traizoados. Pero que Feijóo e os seus socios non se enganen. Esta xeración, que tanto deu, ten memoria. E por moito que intenten disfrazar o que fixeron, o cheiro da súa podremia é inconfundible. O tempo poñerá a cada quen no seu sitio. E vostedes, señores do PP, estarán onde merecen: no lixo da historia.