As estradas galegas volven encherse de tractores e fume, pero tras o ruído da protesta agóchase unha realidade moito máis silenciosa e dramática: a derrotada conciencia de clase no noso rural. O campo galego está atrapado nunha situación retrógrada, anulado por un discurso acaparador que conseguiu que o gandeiro que non chega a fin de mes defenda os intereses de quen o asfixia. É o que poderiamos definir como o meigallo do patrón. Este meigallo non é casual.
É o triunfo dun conservadorismo que leva décadas traballando para que o labrego galego deixe de identificarse como un traballador da terra e pase a verse como un «empresario agrícola» sen empresa. O agro galego caeu nunha trampa ideolóxica que o deixou sen voz propia, nun escenario onde o pequeno produtor deixou de identificarse cos seus iguais para aparecer totalmente colonizado polas mesmas elites que o están devorando. É o triunfo dun espellismo que converte ao traballador no gardaespaldas do seu propio explotador.
O «agro-ilusionismo» das elites.
En Galiza, este fenómeno mimetiza o que vemos noutras latitudes, como a estratexia de certos patronatos no Levante o uno sur. Alí, grandes corporacións axitan as masas contra a Unión Europea ou o acordo de Mercosur mentres elas mesmas posúen inmensas terras en África, producindo con custos de miseria para rebentar os prezos na orixe e despois comercializalo como propio. Aquí, o meigallo funciona de xeito semellante: a industria e certas cúpulas cooperativas burocratizadas actúan como auténticas multinacionais que usan ao gandeiro de escudo humano para protexer as súas marxes de beneficio.
O pequeno produtor, convencido de que o seu único inimigo é a normativa ambiental ou»Bruselas», acaba defendendo a desregulación que só beneficia ao xigante. É a paradoxo absoluta: o labrego pobre galego cargando coa ruína con orgullo, defendendo a fe do patrón mentres o patrón baleira as nosas aldeas e deslocaliza a produción.
Un sector sen visión alternativa.
O éxito deste discurso radica na anulación de calquera alternativa. O meigallo é tan fondo que o relevo xeracional moitas veces herda a mesma mentalidade aspiracional e individualista. Prefiren o colapso individual —o «sempre se fixo así»— antes que a soberanía colectiva. Calquera proposta que fale de diversificación, de soberanía alimentaria ou de romper coa dependencia das grandes industrias é tachada de «ideolóxica» por aqueles que xa teñen o pensamento totalmente colonizado pola ideoloxía do capital.
Romper o feitizo da dependencia.
Galiza non pode permitirse un agro de «patróns pobres». Esa mentalidade é a que permite que a nosa terra se converta nun mero taboleiro para intereses foráneos sen que o valor engadido quede no noso territorio. O meigallo do patrón fainos crer que somos «donos»cando só somos xestores de débedas. Espertar deste letargo implica recoñecer que o inimigo non está en quen pide unha terra máis sa, senón en quen, desde o consello de administración, nos empuxa ao abismo mentres nos louva o «esforzo».Se o agro galego non rompe este meigallo, seguirá cargando coa súa propia cruz ata que a última luz de aldea se apague, convencidos, iso si, de que morreron defendendo un estatus que nunca foi seu.