Os supermercados da Coruña van á folga a partir do domingo

CCOO, CIG, UGT e USO convocan catro novas xornadas de paro os días 21, 22, 23 e 24 de xuño para reclamar avances na negociación e melloras nas condicións de traballo do sector.

Os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO continuarán co calendario de mobilizacións no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña ante a persistencia do bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo. Tras o paro realizado o pasado 29 de maio, e ante a ausencia de avances reais na mesa negociadora, as organizacións sindicais convocan novas xornadas de folga os días 21, 22, 23 e 24 de xuño, coincidindo coa festividade do San Xoán.

Denuncian que a patronal mantén unha posición inmobilista e continúa sen presentar propostas que permitan mellorar as condicións laborais e salariais das miles de persoas traballadoras afectadas polo convenio. Lembran que as principais empresas da distribución alimentaria continúan rexistrando importantes beneficios mentres os cadros de persoal soportan unha crecente carga de traballo e unha perda continuada de capacidade económica.

CCOO, CIG, UGT e USO fan un chamamento ao conxunto das persoas traballadoras do sector para secundar estas novas xornadas de folga e reforzar a presión sobre a patronal co obxectivo de desbloquear a negociación e acadar un convenio digno.

Ao abeiro desta convocatoria haberá concentracións diante de diferentes supermercados na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Ribeira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios