A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña e unhas dúascentas familias amosan a súa máis profunda indignación e rexeitamento ante a grave situación de desprotección que están a sufrir os nenos e nenas da zona pola falta continuada de profesionais de pediatría nos centros de atención primaria.
Colectivo, persoal do centro sanitario e familias esixiron a cobertura inmediata da praza de pediatría que atende a este concello e a Xove, e que leva un mes desatendida sen ningún tipo de substitución.
A coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro cualifíca de «vergoña» a xestión da xerencia da área sanitaria e da Consellería de Sanidade «e critica que, mentres a administración insiste en que as prazas da Mariña están cubertas (coa única excepción da segunda praza de Viveiro), a realidade nos centros de saúde é radicalmente distinta. A «solución» ofrecida ás familias de Cervo e Xove é desprazarse ao centro de saúde de Burela —que conta tamén con ausencias das súas dúas pediatras e só dispón de cobertura puntual— ou acudir ao PAC de Burela, un servizo de urxencias que carece por completo de profesional de pediatría.
Unha fenda de desigualdade e un risco para a saúde infantil»
A ausencia de pediatras na Mariña está a provocar o aprazamento sen data das revisións periódicas de saúde, fundamentais para avaliar o correcto desenvolvemento das crianzas e detectar anomalías de forma precoz. A isto súmase a imposibilidade de atender con normalidade os procesos patolóxicos ordinarios que xurdan no día a día.
»Esta falta de xestión eficiente vulnera o dereito á saúde das nosas crianzas, sitúaos noutra posición de vulnerabilidade e xera unha fenda de desigualdade enorme para os nenos e nenas que viven na Mariña», sinalan desde a plataforma organizadora.
Nova concentración o luns 9 de novembro en Foz.
Ante a falta de respostas e solucións reais por parte do Sergas, a Plataforma Sanitaria anuncia a continuación das mobilizacións en toda a comarca.
A vindeira cita terá lugar o luns 9 de novembro, diante do centro de saúde de Foz. A pediatra de Foz leva tamén un mes sen cubrir salvo un profesional que acude 12 horas á semana —nin sequera equivalente a dúas xornadas completas—.
Desde a plataforma faise un chamamento a toda a veciñanza, familias e colectivos da comarca para acudir á concentración de Foz e defender de xeito conxunto unha atención pediátrica pública, digna e de calidade para a Mariña.